Presentación The New York Times


No seguinte enlace podedes acceder á presentación do análise das infografías de The New York Times. Despois da primeira diapositiva vai un vídeo, que aparece máis abaixo:

Presentación The New York Times


Aquí están as declaracións do infografista Xaquín Xocas ao respecto e o fragmento que escollemos para incluír na nosa exposición:

Vídeo Xaquín Xocas

Por se vos interesa coñecer un pouco máis o que nos contou sobre o Times, aquí vai a transcripción da nosa pequena entrevista:

"Na actualidade The Upshot lévaa Amanda Cox, que é a editora. O seu subdirector é Kevin Quealy. A sección naceu cando Nate Silver deixou o xornal para montar un proxecto pola súa conta e, entón, a parte de infografía de The New York Times quedou “orfa”. Por iso decidiron poñerse ás ordes de David Leonhardt e construír The Upshot. Despois, cando David decidiu retirarse, a opción máis lóxica era poñer a Amanda de editora. Respecto a ela, é estatística e leva traballando no departamento de gráficos 9 anos. Durante ese tempo aprendeu a pensar como unha xornalista e é moi seria no seu traballo. Pola contra, David dominaba o xornalismo de datos dunha forma moito máis xornalística do que estamos acostumados a ver, dunha maneira precisa e máis dirixida á historia, a comprobar se realmente as historias están baseadas en evidencias.
Tanto Amanda como Kevin, dende o principio, estiveron envoltos na creación de The Upshot. Eran os que marcaban as pautas e guiaban á xente nas reunión. Hai que entender que a dinámica do departamento de gráficos do Times non é un departamento de servizos. É dicir… “Teño unha idea, ¿podes facer isto?” Están todos ao mesmo nivel que os da redacción e por iso impactou a maneira de levar a sección de Amanda e Kevin. Eles eran os que dicían: “isto hai que facelo ben e hai que facelo así”. Foi o que lle deu a The Upshot o nivel que ten o xornalismo de datos na actualidade. Cando marchou David xurdiu a dúbida de se unha única persoa podía manter o mesmo nivel pero o impacto do departamento de infografía na creación e mantemento de The Upshot é fundamental.

Cales son as rutinas dun infografista no xornal?
Antes estaba todo moito máis centralizado. Traballaban 40 persoas na sección. Unha persoa era o enlace co departamento de nacional, outro co de ciencia, outro con internacional, dous en deportes… Ao medrar tanto a sección tivo que madurar porque era moi plana. Na actualidade crearon máis niveis. Hai editores asociados que coordinan as noticias e equipos para facer proxectos, hai xente dedicada a seccións e, na actualidade, pola importancia que ten o xornalismo visual no Times, hai xente en nacional e internacional que se dedican a “educar” ao resto de traballadores da sección para indicarlles como se pode converter unha historia. É dicir, unha noticia pode ser unha sucesión de mapas con tres frases que os introduzan, un mapa e gráficos… Os elementos visuais pasan a ser parte do contido, a ter a mesma importancia que as palabras. E iso é grazas á transformación destes últimos 12 anos.

Cal é o impacto das infografías de NYT no mundo da prensa?
É o piar sobre o que se sostén a infografía porque a xente ten ao xornal como unha influencia. De feito, se a sección de gráficos do Times deixara de existir sería un caos absoluto porque no habería punto de referencia, tanto pola xente que traballa alí como pola cultura que ten esa sección. Sempre foi un referente e o xornalismo visual foi sempre unha parte importante do seu xornalismo. Todos aspiramos a ser entendidos e vistos cos mesmos ollos cos que mira a xente ao Times e á súa sección de infografistas. Hai un pouco de envexa… Pero iso foi produto do esforzo e do traballo de moita xente para dicir: “mira, isto que facemos nós é parte do contido como o que fas ti”. E chegar a ese punto de entendemento leva moitos anos e moito traballo de oficina.

Cal é a importancia do xornalismo visual no futuro do xornalismo?
Cos cambios que se están a producir no Times, a redución de plantilla e a crise a sección continuou medrando. Iso di moito. Promocionouse ao director de gráficos, por exemplo. Ademais, ponse aos infografistas a traballar cos xornalistas de nacional, por exemplo, para axudalos a pensar doutra forma. A importancia do xornalismo visual é innegable porque pode facer mellor unha historia. Estou seguro que gañará máis peso no futuro."

Comentarios

Anónimo ha dicho que…
Grazas por engadir a información.